INICIATIVA compraencelanova.com

Conscientes de que, cada vez con máis evidencia acontece que o que non está na rede non existe e co obxectivo de contribuír á dinamización económica e social de Celanova tomando como referente o noso patrimonio cultural e literario, dende a Fundación Curros Enríquez  entendemos que era unha obriga moral tratar de promover que baixo a bandeira de nomes tan recoñecidos e apreciados como os de Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, tódolos negocios do seu municipio, independentemente da actividade que desenvolvan, poidan contar cun espazo propio en Internet dende o que poder dar a coñecer a súa oferta comercial, ademais de abrir o seu mercado a uns clientes potenciais que transcendan do propio escenario comarcal ó que en termos xerais se dirixen.

Iniciativa compraencelanova.comO verdadeiro atractivo deste portal-web radica na oferta de conxunto, pois ó conseguir que practicamente toda a rede comercial de Celanova se presente baixo un único rexistro como é www.compraencelanova.com, fai que o efecto divulgador se vexa multiplicado dun xeito exponencial e o nivel potencial de coñecemento de cada un dos negocios se vexa sensiblemente incrementado.  O obxectivo deste portal é, polo tanto, o de conseguir que tódolos establecementos, sen ningún tipo de excepción, poidan contar coa súa xanela neste portal. 

Trátase, pois, dunha iniciativa global que pretende que todos os establecementos comerciais e empresas radicadas dentro do termo municipal de Celanova se promocionen de forma conxunto e individualizada ó mesmo tempo, contando cun único escaparate, pero ó mesmo tempo co seu propio estante, é dicir, a súa páxina web particular.

Con esta iniciativa pretendemos:

  1. Incorporar ós comerciantes de Celanova ó mundo das novas tecnoloxías
  2. Conseguir que tódolos negocios de Celanova estean presentes na Rede
  3. Dotar a tódolos negocios de Celanova dunha web personalizada, dende a que poder ofrecer os seus productos, non xa ós posibles clientes máis cercanos xeograficamente, senón a tódolos clientes potenciais que cada vez con máis incidencia acceden ó servizo de compras a través de Internet.
Por todo iso, o noso desexo é que aqueles que aínda non se sumaron ó proxecto, se sumen definitivamente para conseguir que a mesma oferta comercial que lle outorga a Celanova un dos seus principais valores para a súa zona de influencia, estea na mesma medida en Internet para coñecemento da aldea global na que agora máis que nunca convivimos.